A Xunta de Galicia vén de facer pública a adxudicación das obras das 73 vivendas que se construirán nas parcelas MIIIB7 e MIIIB8 do desenvolvemento residencial de San Paio de Navia (Vigo), un proxecto que será executado por Construcciones Ramírez.
Esta actuación forma parte do importante plan de ampliación do parque público de vivenda que a Xunta está a desenvolver neste barrio vigués, onde actualmente hai en marcha un total de 927 vivendas de promoción pública. Delas, 309 atópanse xa en fase de execución e outras 618 teñen as obras licitadas ou adxudicadas, moitas delas próximas ao seu inicio.
A adxudicación das 73 vivendas a Construcciones Ramírez coincide coa recente licitación doutro proxecto estratéxico: a construción de 80 aloxamentos compartidos destinados ao alugueiro para menores de 36 anos, reforzando así a aposta da Administración autonómica por facilitar o acceso á vivenda da mocidade e ampliar a oferta de vivenda pública en Galicia.
O conxunto das actuacións desenvolvidas en San Paio de Navia supón un investimento que supera os 238 millóns de euros, incluíndo proxectos, urbanización, adquisición de solo e execución das promocións residenciais.
Para Construcciones Ramírez, participar neste desenvolvemento supón unha nova oportunidade para contribuír á creación de infraestruturas residenciais de calidade, sostibles e adaptadas ás necesidades actuais da sociedade, formando parte dun dos proxectos de vivenda pública máis relevantes de Galicia.
Seguimos comprometidos coa construción de espazos que melloran a calidade de vida das persoas e contribúen ao desenvolvemento sostible do noso territorio.