As obras do futuro gran parque da Parda —que aspira a converterse no pulmón verde máis amplo da cidade— avanzan “en tempo e forma”, segundo confirmou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores durante unha recente visita de supervisión, acompañado do concelleiro Xaquín Moreda.
O proxecto, no que participa Construcciones Ramírez, supón unha transformación integral da contorna: máis de 10 hectáreas para uso público, miradoiros, arborado, zonas de lecer e conexión natural co paseo dos Gafos, converténdose nun novo eixo verde para a cidade.
Entre os traballos xa executados atópanse movementos de terras, preparación de plataformas a distintos niveis, e a recuperación do curso natural da auga mediante unha canle que será o elemento central do parque. Tamén está prevista a creación dun aparcadoiro para máis de 200 prazas, a reserva dunha parcela para un futuro pavillón deportivo, e un gran parque infantil.
O alcalde sinalou que, aínda que o prazo inicial de execución é de 28 meses, existe a posibilidade de que se acurte, polo bo ritmo de execución dos traballos. O obxectivo é ter o parque listo no ano 2027.
Desde Construcciones Ramírez sumámonos ao compromiso de dar forma a un espazo verde de referencia para Pontevedra, integrando infraestrutura, natureza e calidade urbana ao servizo das persoas.