
A Xunta de Galicia vén de asinar o contrato para levar a cabo as obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, cun investimento de máis de 70,5 millóns de euros. A unión temporal de empresas Dragados S.A., Construtora San José S.A. e Construcións Ramírez S.L. foron as adxudicatarias deste proxecto, que permitirá ampliar a superficie do hospital en case un 30% e mellorar a atención sanitaria a preto de 450.000 cidadáns.
A ampliación do edificio A, onde se atopan os servizos centrais, as emerxencias e a área de hospitalización, realizarase cara ao oeste, de forma mimética ao actual edificio, para conseguir unha maior integración arquitectónica e funcional. Contarase cun núcleo de comunicación vertical con 8 ascensores e demoleranse 2.000 metros cadrados para axustar e encaixar as novas instalacións.
O edificio C, que alberga as consultas externas e as probas funcionais, ampliarase cara ao leste con 5 plantas coincidentes coas actuais e un núcleo de comunicacións situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur. Habilitaranse case 5.300 metros cadrados de nova superficie.
A ampliación do CHUS permitirá contar con 5 novas unidades de hospitalización. Ademais, ampliaranse as urxencias pediátricas e reformaranse as de adultos, incorporaranse 7 novos quirófanos e renovaranse outras áreas como o laboratorio de microbiología, o hospital de día, a unidade de mama, a área de endoscopias e as consultas externas.