
A Xunta de Galicia deu comezo ás obras dun edificio de 35 vivendas públicas, distribuídas en tres bloques, no barrio de Navia (Vigo), un proxecto pioneiro que aposta pola innovación e a eficiencia no ámbito da construción residencial. Esta promoción, executada por Construcciones Ramírez, representa un fito na vivenda pública galega ao ser a primeira en Galicia que aposta polo emprego de técnicas industrializadas desde as fases de proxecto e execución.
Cun investimento superior aos 8,5 millóns de euros, dos cales o 77 % procede de fondos autonómicos, a previsión é que as vivendas estean finalizadas no 2027.
O uso de sistemas industrializados supón un cambio de paradigma no sector: permite reducir prazos de execución, minimizar o impacto ambiental, optimizar recursos e mellorar a calidade final das edificacións. Neste caso, os paneis de fachada serán fabricados en taller e montados posteriormente en obra, o que garante unha execución máis precisa e eficiente.
Para Construcciones Ramírez, esta obra representa un paso adiante na súa traxectoria como empresa comprometida coa innovación e a sostibilidade. O proxecto de Navia é unha mostra do noso compromiso coa vivenda accesible, moderna e de calidade, ao servizo da cidadanía galega.